15
Xul

Así coñecín a Rosalía

   Posted by: cartafoldomandeo   in lecturas

Secundo, como non podía ser doutro xeito, a iniciativa da rede Blogues pola Lingua da que esta bitácora fai parte, de conmemorar a data de hoxe cun poema da xenial Rosalía de Castro. E a data de hoxe non é outra que a da conmemoración do 125 cabodano da nosa poeta nacional por antonomasia, do pasamento dunha muller adiantada ao seu tempo e que se pretende reducir e simplificar nunha obra costumista. Francisco Rodríguez, grande experto na súa figura, regálanos parte do seu coñecemento novamente neste «Rosalía por descubrir» que enlazo.

Esta tarde terá lugar o acto cívico que conmemora o traslado dos restos mortais de Rosalía desde o cimiterio de Adina até o Panteón de Galegos Ilustres, na exclaustrada igrexa de Bonaval que agora a Xustiza española, 200 anos despois da desamortización pola que pasou a mans municipais, devolveu ao arcebispado. Carlos Callón repasa os tres enterros de Rosalía no seu blogue: o primeiro, en Adina, en 1885, o do Panteón de Galegos Ilustres en 1891 por subscrición e vontade popular e o cerrollazo ao Panteón laico da galeguidade. A «Musa dos pobos» da que falara Curros, a que portaba a cainita marca «dos que levan na frente unha estrela» e «dos que levan no bico un cantar», pechada nunha igrexa polos mesmos bispos que non a quixeron acoller cen anos atrás.

Data, a de hoxe, rosaliá para conmemorar, lembrar, difundir e tomar de exemplo en todas as súas caras a figura desta galega universal. Imposíbel escoller un só poema da súa obra, imposíbel quedarse nunha única mostra do seu xenio creativo. Tendo presente isto, e dado que coñecín a Rosalía cantando os seus poemas, tomarei dous. Unha crítica á violencia machista cargada acedamente de retranca que nunca se explica como tal cando se analiza nas aulas de secundarias, unha rebelión ante a imaxe da muller submetida e precisada de complemento masculino para se realizar:

San Antonio bendito,
dádeme un home,
anque me mate,
anque me esfole.
Meu santo, San Antonio,
daime un homiño,
anque o tamaño teña
dun gran de millo.
Daimo, meu santo,
anque os pes teña coxos,
mancos os brazos.
Unha muller sin home…
¡santo bendito!,
é corpiño sin alma,
festa sin trigo.
Pau viradoiro
que onda queira que vaia
troncho que troncho.
Mais en tendo un homiño,
¡Virxe do Carme!,
non hai mundo que chegue
para un folgarse.
Que, zambo ou trenco,
sempre é bo ter un home
para un remedio.

E o outro poema, cantando, como coñecín a Rosalía, nunha versión contemporánea, amosando a creatividade do noso país, aínda que algúns non se queiran enterar. A Xustiza pola man, un clásico rosalián tamén inzado de retranca («tan alto que estaba/ bon Dios non me oía») e tampouco demasiado ben explicado. Da man de Nao, por certo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tags: ,

This entry was posted on Xoves, Xullo 15th, 2010 at 2.16 p.m. and is filed under lecturas. RSS 2.0You can follow any responses to this entry through the feed. http://cartafoldomandeo.blogaliza.org/2010/07/15/asi-conecin-a-rosalia/trackback/Responses are currently closed, but you can trackback from your own site.

Comments are closed at this time.

Olark Livehelp